Teléfono: 982124002
E-mail: info@concellodebarreiros.gal
A vila de Ribadeo é o punto de arranque do Camiño Norte na súa entrada en Galicia. Saíndo de Ribadeo, a ruta segue o denominado Camiño Vello de Lourenzá para dirixirse a Obe, que conserva intacto un tramo do camiño medieval, e encamiñarse cara a parroquia de Cubelas, pasando polos núcleos da Pastoriza, Vilela, Vilar, Celeiros, A Ponte e Arante.
O Camiño conduce a continuación ó municipio de Barreiros. Este tramo entra polo municipio de Vilamartín Pequeno, un enclave dende o que se divisan un terreo abundante en pastos e gandos, e un pequeno val atravesado polo río Porto Bragán. Nesta fase pode visitarse a Igrexa Parroquial na honra de San Xoán Degolado.
Cruzando o río, comeza unha empinada costa que conduce a Vilamartín Grande. Á man esquerda queda a Capela do Carme, mentres que á dereita do camiño quedan o teleclube e a antiga escola, lado no que tamén se atopan as de Gondán e San Xusto.
Seguindo o camiño, antes de baixar a Gondán, o alto de Vilamartín Grande pode servir ó peregrino de miradoiro, dende onde se divisa unha perspectiva do Val de Cabarcos.
Xa en Gondán (onde hai un albergue para peregrinos), hai unha pequena capela na honra da Virxe do Pilar e, ó lado, unha fonte onde o peregrino pode saciar a súa sede, coñecida como a fonte de Cimadevila.
Logo, o camiño descende ata San Xusto. Despois de cruzar o río Puxigo, están un cruceiro en recordo á capela do Bo Suceso, destruída en 1984, así como a Igrexa Parroquial.
O peregrino deixa Barreiros tras pasar por unha zona de bosques que o leva ata o municipio de Lourenzá, onde atopará o Mosteiro de San Salvador.
A existencia de dúas pousadas, a Casa de Veiga do Camiño Real e a Pousada de Inocente do Curbeiro en San Xusto, son testemuñas da importancia deste Camiño Norte ou Camiño Real.
O tramo do Camiño Norte que transcorre por Barreiros correspóndese co tramo de Ribadeo – Lourenzá e ten uns 30 quilómetros de percorrido, que supoñen unha dificultade alta.
Igrexa Parroquial de Vilamartín Pequeno.
A Igrexa de San Xoán Degolado é de planta rectangular. No seu exterior, na parede dereita hai unha escaleira que dá acceso ó campanario situado sobre a fachada da capela. No seu interior, pódese observar un retablo neoclásico do século XIX.
Capela do Carme (Vilamartín Grande).
A Capela do Carme (s. XVII) é unha edificación de planta rectangular. A súa fachada está coroada por un pequeno campanario e unha decoración á altura do tellado en forma de chanzos.
Unha vez dentro, podemos fixarnos na súa parede esquerda na que nunha lápida se pode ler: "Esta ermita está fundada en un aniversario Santísimo de una misa cantada con responso y cuatro rezadas en cada día de las festividades de Nuestra Señora de la Merced y del Carmen de cada año a ocho reales de limosna por las cantadas y a tres las rezadas paso la escritura de dotación ante Bernabé de Miranda. Notario en 29 de 7 de diciembre de 1692, años".
Capela do Pilar (Gondán).
A Capela do Pilar, construída en pedra rústica, presenta un pequeno pórtico, con bancos nos seus laterais, coroado por un campanario rematado de finas agullas e unha pequena nave con cerchas de madeira.
No seu interior, existen tres pequenas tallas de madeira en bo estado de conservación que representan a Virxe do Pilar, o apóstolo Santiago e a San Xosé, así como un retablo dórico; obras estas que merecen ser observadas detidamente.
Nas inmediacións da Capela do Pilar, atópase a "Fonte de Cimadevilla" que permite ós peregrinos tomar auga fresca.
Igrexa Parroquial de San Xusto de Cabarcos.
A fachada da Igrexa de San Xusto de Cabarcos esta rematada por unha espadaña de dúas plantas, con dous arcos de medio punto a inferior, e un a superior, así como unha escaleira de acceso a elas no lateral dereito da edificación. A súa construción remóntase a datas próximas ó ano 900, e foi restaurada en 1993.
A visita ó seu interior debe facerse repousadamente, admirando todas as xoias artísticas que contén, entre as que se atopan o retablo barroco do altar principal realizado en madeira de castiñeiro, adornado con columnas salomónicas e abundante decoración alegórica, que data de 1753, con imaxes do Santiago Apóstolo, San Xusto e Pastor (patróns da parroquia), así como outras imaxes dignas de observar detalladamente. Non podemos pasar por alto o púlpito e os dous confesionarios en madeira tallada, realizados por Santiago Candia no ano 1916.
Antiga pousada da Casa de Veiga do Camiño Real en Salgueiros (Gondán).
O cruceiro en recordo da Capela do Bo Suceso (San Xusto).
Curioso cruceiro levantado en memoria da Capela do Bo Suceso, que foi destruída en 1984. Sobre un basamento inicial álzase unha columna cadrada coa inscrición "Recordo da Capela Bo Suceso, 1984" e, sobre ela, unha columna cilíndrica cunha urna na súa base que contén unha imaxe no seu interior. Unha cruz forxada sostida por dúas figuras coroa todo o conxunto.