Teléfono: 982124002
E-mail: info@concellodebarreiros.gal
O TEMPORAL REXISTRADO NO MAR PROVOCOU DANOS NAS PRAIAS DE ALTAR, REMIOR E REINANTE EN BARREIROS. O ALCALDE SUPERVISOU OS DESPERFECTOS E PERSOAL DA DEPUTACIÓN TRABALLA HOXE NA SÚA REPARACIÓN.
O alcalde, Alfonso Fuente, supervisou os danos causados polo temporal rexistrado no mar nas últimas horas. As grandes mareas de onte ocasionaron desperfectos nas praias de Altar, Remior e Reinante. En Altar o nivel da area descendeu uns 3 metros e foi derrubada unha escollera. Persoal da Deputación de Lugo traballa hoxe no arranxo deses danos.
O rexedor explicou que “onte a primeira hora chamábame o responsable de Protección Civil pola situación que había no rego de Remior e no rego de Reinante, así como nunha escollera en Altar. Despraceime ata alí despois de chamar ao Xefe de Costas, José Miguel Esteban, quen aproveitando que era festivo en Lugo estaba aquí na Mariña, e fomos os dous ver eses danos”.
Fuente Parga detallou que “na praia de Altar houbo unha escollera que protexe o paseo marítimo, que a tirou porque descendeu o nivel de area en torno a uns tres metros. No rego de Remior meteu bastante area polo rego arriba xa que subiu o mar e entrou por onde desembocan eses regos, o cal facía de tapón nos tubos da estrada da Deputación. En Reinante tamén pasou o mesmo, meteu moita area que taponou esas saídas dos regatos provocando inundacións”.
O alcalde barreirense manifestou que “se foi controlando que iso non fora a máis ao coincidir nun día festivo. Nós trasladámoslle este tema á Deputación para que mandase maquinaria a limpar eses tubos. Hoxe pola mañá xa están facendo esas reparacións e nun principio os danos son os da escollera da praia de Altar e unha pasarela en Remior, que pasa por enriba do regato, e que a forza do mar retorceuna”.
Para Alfonso Fuente“o temporal vai ir a menos e se a cousa segue como ata hoxe en principio non se espera que vaia haber máis desperfectos, pero hai que ter en conta que o mar é imprevisible e un cambio pode provocar estes danos”.