Teléfono: 982124002
E-mail: info@concellodebarreiros.gal
A formación tivo lugar durante o mes de outubro na aula CeMIT de Barreiros.
Barreiros, 25 de outubro de 2022. O Concello de Barreiros entregou os diplomas do curso de “Prevención de riscos laborais no sector sociosanitario” no que participaron un total de 22 traballadoras e traballadores do servizo de axuda no fogar do Concello de Barreiros.
O alcalde en funcións, Antonio Veiga, xunto coa concelleira de servizos sociais, Carmen Veiga, e a concelleira de Educación e Igualdade, Montse Porteiro, foron as persoas encargadas de facer a entrega dos diplomas ao alumnado.
Carmen Veiga explicou que “este curso é unha aposta por contribuír a mellorar a formación do persoal do servizo axuda no fogar, actualizar coñecementos e adquirir novas habilidades”. A edil tamén salientou que “a formación orientada aos riscos laborais no sector sociosanitario é moi importante xa que redundará nunha mellor calidade do servizo, tanto para os/as usuarias coma para as traballadoras e traballadores do mesmo”.
Pola súa parte, Antonio Veiga, quixo felicitar ao persoal que asistiu a esta formación e “Agradecer a profesionalidade coa que realizan as labores todo o persoal do servizo de axuda no fogar dignificando o servizo e contribuíndo mellorar a calidade de vida das persoas maiores e dependentes de Barreiros.”
O curso, que foi sufragado integramente con fondos municipais, tivo unha duración de 15 horas divididas en 3 xornadas presenciais de mañá ou tarde nas que se abordaron temas como a seguridade na manipulación de produtos químicos, traballos en cociñas, corrección de posturas forzadas, mobilización de usuarios/as non autónomos e indicacións para a prevención da dor de costas entre outra formación relacionada coa prevención de riscos laborais.