Teléfono: 982124002
E-mail: info@concellodebarreiros.gal
O alto de Cornería (437 metros), monte limítrofe entre os municipios de Barreiros, Foz e Lourenzá, ofrécenos unha magnífica panorámica da rasa Cantábrica, Celeiro de Mariñaos, co río Masma ao seu paso, a parroquia de Vilaronte (Foz), e a área de A Cazolga, en Lourenzá.
No que respecta á vexetación deste enclave, predominan eucaliptos e piñeiros, entre os que viven especies coma o corzo, o raposo, o xabaril ou o pombo.
A historia de Maeloc di que era o líder das xentes bretonas que fuxindo das invasións anglosaxonas refuxiáronse na actual Bretaña francesa e no norte da Mariña, onde fundaron unha cidade chamada Britonia, ubicada nun sector apartado do oriente galego. Será a actual Bretoña?
Conta a lenda que á morte de Maeloc, a enorme "pedra preciosa" á que atribúen virtudes "todopoderosas", foi enterrada a bastante profundidade no interior dun baúl de ouro macizo, que problablemente contiña outros valores da época. O motivo deste emprazamento sería dado pola posición estratéxica da montaña ó ser o promontorio máis elevado que divisaban os bretóns ó chegar ás costas galegas.