Teléfono: 982124002
E-mail: info@concellodebarreiros.gal
O mandatario estatal reiterou o compromiso do goberno do Estado para que os fondos europeos poidan chegar, por medio da Xunta de Galicia, ao concello de Barreiros.
Xoves, 18 de marzo de 2022. Na mañá de onte, a alcaldesa de Barreiros, acompañada da segunda tenente de alcaldesa, mantivo un encontro telemático co Secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, para trasladarlle directamente a problemática existente na praia de Arealonga respecto aos verquidos derivados da falta de depuración de augas residuais.
Continúan así desde o goberno municipal na busca de colaboracións que permitan levar a cabo tan importante investimento, xa que para o Concello de Barreiros é inasumible realizalo sen a implicación doutras administracións.
Ana Ermida expuxo que “é unha problemática que podería solucionarse coa construción dunha nova depuradora en San Miguel, para o que se requirirían fondos excepcionais, dado a importancia do investimento e as limitación orzamentarias do municipio.”
O Secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, recoñeceu a importancia de levar a cabo dito investimento e garantiu o traballo do seu departamento para que os fondos que se transfiran á Xunta de Galicia para este fin contemplen dita actuación.
Desde o Concello reiterarán á conselleira Ethel Vázquez a necesidade de que o departamento que dirixe considere esta actuación como prioritaria á hora de investir os fondos de recuperación que o Estado transfire ás Comunidades Autónomas, financiando ata o 95% dos custos de execución.
As representantes municipais agradeceron ao Secretario de Estado a súa implicación e o compromiso amosado na reunión, así como nos proxectos de rexeneración e recuperación da zona que o propio Ministerio prevé levar a cabo e que contribuirán á mellora da zona e á súa posta en valor.