Teléfono: 982124002
E-mail: info@concellodebarreiros.gal
Os Concellos de Barreiros, Trabada e Lourenzá remitimos unha carta conxunta á Conselleira do Medio Rural da Xunta de Galicia para esixir a activación inmediata das axudas prometidas ao sector da faba, comprometidas publicamente o pasado 14 de marzo durante unha reunión en Ribadeo.
Tal e como figura no escrito oficial, os tres concellos trasladamos a nosa profunda preocupación pola falta de aplicación efectiva das medidas anunciadas, como as axudas directas de ata 2.000 euros por hectárea e a posta en marcha dun instrumento financeiro para dotar de liquidez ás explotacións afectadas pola catastrófica campaña de 2024. A día de hoxe, sinalan, ningunha destas medidas foi activada.
A alcaldesa e os alcaldes dos tres concellos son contundentes ao respecto: “Esiximos á conselleira que cumpra coa súa palabra. Despois de todas as promesas realizadas, estamos xa a 16 de maio e aínda non chegou nada. O sector non pode agardar máis”.
A carta advirte que as perdas da última campaña superaron o 80%, deixando moitas familias produtoras nunha situación límite, sen apenas recursos para afrontar unha nova sementeira e con débedas acumuladas.
Entre as demandas incluídas no documento, destacan:
● A activación inmediata das axudas directas e de liquidez.
● A extensión destas axudas a todos os produtores, pertenzan ou non á IXP Faba de Lourenzá.
● A creación dun plan de investigación agronómica e fitopatolóxica.
● A colaboración co Principado de Asturias para reclamar conxuntamente en Madrid unha axuda asociada para a faba no marco da PAC.
Os tres concellos recordan que a faba é un cultivo estratéxico, parte do patrimonio agrícola e cultural da Mariña, polo que consideran inaceptable que a súa continuidade se vexa comprometida pola inacción administrativa.
Desde o Concello de Barreiros reiteramos o noso compromiso co rural e coas familias produtoras da comarca, e demandamos da Xunta respostas inmediatas e medidas efectivas.