Teléfono: 982124002
E-mail: info@concellodebarreiros.gal
O Concello de Barreiros ven de colocar uns pictogramas en varias dependencias municipais para facilitar o acceso a persoas con diversidade funcional. Estes apoios visuais instaláronse co apoio da Fundación Edes, e “tamén serán de axuda para a poboación en xeral”, segundo salienta o alcalde, Alfonso Fuente.
O rexedor anunciou que “en Barreiros levamos a cabo este proxecto coa Fundación Edes, colocando estes pictogramas que son normalizados e serven para aquelas persoas con diversidade funcional. Aínda que vai especificamente dirixido a estas persoas, tamén hai que ter en conta que non nos veñen mal a todos os usuarios das instalacións como o ximnasio ou o centro social”.
Fuente Parga explicou que “estes pictogramas nos recordan como debemos ducharnos, como debemos lavar as mans ou mesmo como debemos vestirnos. Algo que nos parece a todo o mundo tan sinxelo, para algunhas persoas ten moita dificultade e estes pictogramas poden axudarlles moito. Pero insisto en que a todo o mundo nos ven moi ben recordar estas normas. Son normas de conduta, que só con letras a calquera persoa que puidéramos lelo nos resultaría de axuda, e para as persoas con diversidade funcional son moi importantes”.
O Concello de Barreiros súmase á iniciativa da Fundación Edes sinalizando os espazos públicos nas súas instalacións. Con estes apoios visuais preténdese dar un paso cara á accesibilidade cognitiva e a igualdade de oportunidades das persoas, ademais de visibilizar as barreiras ás que se enfrontan algunhas persoas, intentando minimizalas na medida do posible. Tamén favorece a comprensión dos entornos á poboación en xeral xa que as claves visuais facilitan e reforzan as mensaxes a todas as persoas.
A Fundación Edes é unha entidade integrada por persoas con discapacidade psíquica e intelectual, familias, profesionais e persoas voluntarias que se unen para contribuír a que a persoa con discapacidade mellore a súa calidade de vida. Traballa na Mariña lucense e no noroccidente asturiano desde 1999, apoiando a inclusión social das persoas con discapacidade no medio rural.