Teléfono: 982124002
E-mail: info@concellodebarreiros.gal
Realizará estes investimentos no entorno do Souto e das pistas deportivas, onde existen importantes equipamentos públicos e un fluxo de poboación elevado.
O Concello de Barreiros ten aberta a licitación para a adquisición e colocación de sete cubrecontenedores que serán colocados para embelecer a zona do entorno do Souto. As pezas, fabricadas en aceiro inoxidable lacado colocaranse na propia praza do Souto, na que se realizarán tamén outras labores de mantemento e adecentamento, Entrerríos, Nogueiredo, Os Martices e Áspera.
A alcaldesa, Ana Ermida, explica que se trata dun investimento co que se pretende “embelecer unha zona emblemática da parroquia de San Miguel, un casco histórico a efectos prácticos, que conta cun valor patrimonial en canto a edificacións e social polos usos que fai a poboación que merece intervencións especiais.”
A zona elixida responde a criterios de usos e necesidade de poboación, xa que nela se atopan importantes equipamentos, como prazas, parques infantís, pistas deportivas e mesmo o Colexio público. Ana Ermida amosa a súa satisfacción por “ir dando pasos en construír dos nosos núcleos espazos máis coidados e nos que a xente se atope cómoda para desenvolver actividades ao aire libre.” Resalta a rexedora a “necesidade de pór en valor a praza do Souto, epicentro da parroquia, e practicamente o único centro urbano histórico tanto patrimonial como socialmente existente no municipio”.
O concelleiro de medio ambiente, Dámaso Ratoeira, explicou que levan tempo traballando no adecentamento e mellora desas zonas e que a previsión é ir realizando pequenas accións que vaian encamiñadas a unha posta en valor das mesmas. Nese sentido anunciou que “finalmente obtívose cun importante esforzo e dedicación a autorización de Augas de Galicia para a limpeza do tramo urbano do Río Forcón, que discorre por esa zona e que, en canto sexa tecnicamente posible procederase a actuar sobre o mesmo.”
A rexedora barreirense sinala que “cos traballos que se irán realizando ao largo dos vindeiros meses, agardamos que a zona obteña unha mellora importante na súa imaxe e que sexa un primeiro paso para seguir implementando actuacións de posta en valor.”
A adquisición dos cubrecontenedores, que supón un investimento de 25.000€, vai acompañada da compra de composteiros e colectores de papel, envases e fracción resto, por importe de 28.000€, cos que se pretende a mellora da recollida selectiva en todo o Concello. O total do investimento previsto para estas accións ascende a 53.000€ que se financia mediante un Convenio subscrito entre o Concello de Barreiros e a área de Rural da Deputación de Lugo.