Teléfono: 982124002
E-mail: info@concellodebarreiros.gal
O CONCELLO COMEZOU ESTES DÍAS AS OBRAS DE MELLORA DO ABASTECEMENTO DE AUGA NAS PARROQUIAS DE SAN COSME E SAN MIGUEL. O INVESTIMENTO TOTAL ASCENDE A 400.000 EUROS.
O Concello comezou estes días as obras de mellora do abastecemento de auga nas parroquias de San Cosme e San Miguel. O orzamento total ascende a 400.000 euros.
O alcalde, Alfonso Fuente, explicou que “estes días iniciábanse obras en Barreiros, nas parroquias de San Cosme e de San Miguel de Reinante. Estas obras, como xa o tíñamos anunciado, consisten na mellora do abastecemento de augas”.
O rexedor relatou que “se vai meter un tubo que vai comunicar no caso de San Miguel o depósito da Barranca co depósito de Reinante para aumentar a capacidade de almacenamento e mellorar tamén o servizo. E aproveitando esa obra vaise ampliar a estrada na zona de Obra Pía, se lle vai dar máis ancho e mellorar o seu asfalto”.
O alcalde de Barreiros indicou que “no caso de San Cosme se levantan as beirarrúas situadas fronte á da Casa Consistorial para chegar ata o depósito da Folgueirosa e unir tamén o depósito co de Merille, aumentar a capacidade de almacenamento e a rede de auga. Ao mesmo tempo que se fai esta obra se vai mellorar a beirarrúa e se vai meter tubaxe para o saneamento e máis para pluviais, é dicir separar residuais de pluviais que ata o de agora ían xuntas no mesmo tubo”.
Alfonso Fuente subliñou que “estas obras teñen cada unha delas presupostos que se aproximan aos 200.000 euros. Quixera salientar que se acometen con fondos daquel convenio que se asinara no seu día cos promotores e que tanto dera que falar á oposición, que criticaba que eses cartos ían destinados solo a legalizar e a favorecer ás obras propias deles e neste caso estamos a ver que o que vai beneficiar é a todos os veciños e veciñas de Barreiros e concretamente aos desas parroquias. Son melloras de infraestruturas de abastecemento, de beirarrúas e rúas, que xa se están executando neste momento”.
O alcalde de Barreiros anunciou que “en breve tamén, nuns días iniciarase outra obra tamén adxudicada con fondos dese convenio que supón 1.200.000 euros para ampliar o depósito de San Caetano e a depuradora de augas de Celeiro de Mariñaos”.
Alfonso Fuente pide desculpas “sobre todo aos veciños que están nesas zoas onde se están a executar esas obras, polos os inconvenientes que van ter estes días. Estamos falando coas empresas para que apuren na maior medida as obras co obxectivo de non meterse durante o verán coas obras e telas practicamente rematadas ou rematadas na súa totalidade”.
Finalmente o rexedor salientou: “creo que son obras importantes, melloras importantes, que como pasa ás veces nas obras de saneamento e abastecemento cando se rematan quedan ocultas debaixo da terra, pero a verdade despois é un beneficio o que nos produce á hora de abrir o billa. Como era o caso de San Cosme, onde a depuradora de residuais tiña un funcionamento precario porque chegaba moita carga tanto de residuais como de pluviais xunta, agora con estas obras se van ir separando pouco a pouco”.