Teléfono: 982124002
E-mail: info@concellodebarreiros.gal
O Campamento Dixital organizado polo Concello de Barreiros en colaboración coa Fundación CiberVoluntarios chegou ao seu fin o pasado venres 16 de agosto, despois de tres semanas de intensa e divertida aprendizaxe. Un total de 13 rapazas e rapaces completaron con éxito esta formación, que tivo lugar na Aula CeMIT de Barreiros.
A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, xunto coa concelleira de servizos sociais, Carmen Veiga, e a concelleira de educación, Montse Porteiro, participaron na entrega de diplomas aos mozos e mozas que finalizaron o campamento. Durante o acto, a alcaldesa destacou a importancia deste tipo de iniciativas para fomentar a inclusión e a transformación dixital entre a mocidade. “É fundamental que as nosas rapazas e rapaces adquiran competencias dixitais que lles permitan un uso consciente e responsable das tecnoloxías. Estamos moi satisfeitas de que o Campamento Dixital de Barreiros fose un éxito e de que a nosa xuventude amosase tanto interese e compromiso durante todo o curso”, sinalou Ana Ermida.
O campamento, que se desenvolveu de luns a venres en horario de 11:00 a 13:00 horas, incluíu formación recollida no Marco Europeo de Competencias Dixitais DIGCOMP sobre o uso seguro de Internet, das redes sociais e tamén, algo tan importante como a protección da identidade dixital mellorando así as súas capacidades para o futuro.
O Concello de Barreiros agradece a colaboración da Fundación CiberVoluntarios e o compromiso de todas as persoas implicadas neste proxecto. Este tipo de formacións son fundamentais para garantir que a nosa xuventude estea preparada para os retos que o mundo dixital lles poida presentar.