Teléfono: 982124002
E-mail: info@concellodebarreiros.gal
A implantación da Axenda 2030 no municipio iniciou onte o proceso participativo cunha reunión de traballo cos axentes sociais.
Barreiros, 12 de novembro de 2021. O Concello de Barreiros abriu onte o proceso de participación social na elaboración do Plan Municipal dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), de cara á implantación da Axenda 2030 no municipio.
Na tarde de onte, un nutrido número de colectivos e asociacións deportivos, culturais, veciñais, educativos e sociais crearon un grupo de traballo no que se elaboraron propostas e se achegaron suxestións que serán postas en común co persoal técnico e político para a súa recollida no plan municipal.
A alcaldesa, Ana Ermida, explicou que “a Axenda 2030 ofrece un marco homoxéneo no que traballar desde todas as administracións por un desenvolvemento sostible, integrando nos concellos políticas que contribúan ao mesmo, con medidas transversais e coordinadas entre as distintas áreas.”
O grupo de traballo tamén analizou as medidas e investimentos postas en marcha nos últimos dous anos do goberno municipal e o seu encaixe nos obxectivos da Axenda 2030.
Desde o goberno municipal valoran moi positivamente este tipo de encontros -e agradecen a participación do día de onte- nos que se produce un diálogo entre goberno e veciñanza que contribúe a acertar nas medidas que se poñan en marcha, cubrindo as necesidades sociais. Ao mesmo tempo, a participación involucra ás veciñas e veciños no día a día municipal, facéndoos partícipes mediante un exercicio de transparencia na xestión do Concello.
Barreiros é o único concello da provincia que foi escollido polo Fondo Galego de Solidariedade e Cooperación para a posta en marcha dos plans municipais dos ODS, xunto con outros tres concellos galegos.
A previsión é que a inicios do vindeiro ano, o Concello de Barreiros conte con un instrumento que recolla as medidas e propostas a executar pola entidade municipal nos vindeiros anos que contribúan á loita mundial pola consecución do desenvolvemento sostible.