Teléfono: 982124002
E-mail: info@concellodebarreiros.gal
O Concello de Barreiros vén de instalar dúas plataformas-miradoiro ao carón da ría de Foz-Masma.
Segundo o Alcalde en funcións, Antonio Veiga, “estas infraestruturas atópanse nos lugares coñecidos como A Barcela e Pallares, localizacións desde as cales se obteñen unhas fermosas vistas deste espazo natural protexido e de gran beleza paisaxística”.
A Ría de Foz-Masma forma parte da Rede Natura 2000 baixo as figuras de protección ambiental “Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA)” e “Zona de Especial Conservación (ZEC)”. Así, xunto coa Zona de Especial Conservación As Catedrais, ambos recursos están integrados nesta rede europea de espazos protexidos, considerada un importante instrumento para fomentar a conservación e posta en valor da biodiversidade.
Segundo o Concelleiro de Medio Ambiente e Rural, Dámaso Ratoeira, “unha das claves para fomentar a conservación do patrimonio, sexa natural ou cultural, é favorecer o achegamento da sociedade aos seus valores fomentando a súa visión como parte da nosa identidade cultural e concienciando sobre o papel que xogamos na súa conservación”.
As actuacións comprenden dúas anualidades. Así, neste ano 2022 procedeuse á instalación destes dous miradoiros acompañados de cadansúa mesa interpretativa e de bancos para gozar con calma das vistas a este espazo natural. Ademais, instalouse a estrutura doutra mesa interpretativa no lugar de Xestelo, tamén ao carón da ría.
Xa para o 2023, está prevista a colocación dos paneis informativos nestas tres mesas interpretativas que xa están colocadas así como a instalación doutras tres que non só versarán sobre a ría senón que tamén comprenderán os valores ambientais, xeolóxicos e culturais da Zona de Especial Conservación As Catedrais. Polo tanto, esta posta en valor dos recursos naturais tamén abarcará a franxa litoral entre a praia de Arealonga e a de Lóngara.
Todos estes puntos se integran no itinerario do Camiño Natural do Cantábrico. Ademais, tanto ámbolos miradoiros como a mesa interpretativa de Xestelo se atopan no percorrido da recentemente remodelada ruta de sendeirismo “Lagoa de Pallares”. Tanto destas sendas como dos espazos naturais da Rede Natura 2000, se pode atopar información na páxina web municipal de turismo www.barreirosturismo.gal.
Estas actuacións realizáronse en base á convocatoria da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia, para os anos 2022-2023. Trátase de axudas a investimentos en espazos Rede Natura 2000 de Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, xunto coa aportación realizada polo Concello de Barreiros.