Teléfono: 982124002
E-mail: info@concellodebarreiros.gal
O Concello de Barreiros, a través do obradoiro de emprego que está a levar a cabo xunto co Concello de Ribadeo, inicia a campaña de recollida de libros usados cos que se dotarán as dúas bibliotecas rurais en cuxa posta en marcha xa traballan. A campaña promociónase baixo os lemas “NON DEIXES MORRER OS TEUS LIBROS. Dalles unha segunda vida. Dónaos!”
Os libros poderán ser entregados no espazo habilitado nas oficinas municipais ou ben na biblioteca municipal no seu horario de apertura e deberán estar en boas condicións de conservación, non atoparse rotos, sucios, danados ou con anotacións. Tamén se recollerán documentos audiovisuais en formatos CD ou DVD.
O prazo para facer estas doazóns rematará o 31 de xullo, xa que con posterioridade á doazón, o material debe ser catalogado polo persoal do obradoiro, xunto ás novas adquisicións que se realizarán para pasar a formar parte das bibliotecas rurais.
Estas bibliotecas ubicaranse en Vilamartín Grande e San Xusto, tras o período aberto para que as asociación amosaran o seu interese en acoller a iniciativa e en colaborar no seu desenvolvemento posterior.
Un proxecto de dinamización do rural e animación á lectura.
A iniciativa levada a cabo desde o Concello de Barreiros a través do Obradoiro de Emprego “Vilas Coidadoras” consiste nun novo proxecto de dinamización e promoción da lectura a través da creación ou adaptación de dous espazos públicos nos que a veciñanza poida desfrutar da lectura de forma activa, individual e/ou colectivamente; para o que tamén se programarán actividades relacionadas con ese obxectivo.
Ao abeiro desta iniciativa acondicionaranse espazos nos dous locais municipais existentes en Vilamartín Grande e San Xusto, nos que as asociacións locais mostraron a súa disposición, para dotalos dunha pequena biblioteca e do material necesario para poder levar a cabo actividades e proxectos relacionados coa lectura.