Teléfono: 982124002
E-mail: info@concellodebarreiros.gal
“A SITUACIÓN ECONÓMICA DO CONCELLO BARREIRENSE É BOA”. ASÍ O DIXO HOXE O ALCALDE, ALFONSO FUENTE, QUE SUBLIÑOU QUE OS PROVEDORES ESTÁN A COBRAR SEN PROBLEMA E QUE NON SE ESTÁN A PRIVATIZAR SERVIZOS.
O alcalde, Alfonso Fuente, asegura que os orzamentos municipais de 2017 son equilibrados, que os provedores están a cobrar sen problema en Barreiros e subliña que non se está a privatizar ningún servizo. Para Alfonso Fuente a situación económica do Concello barreirense é boa. O presuposto deste ano ascende a 4,7 millóns de euros.
O rexedor contou que “o luns celebrabamos o pleno en Barreiros para aprobar os presupostos de 2017 e a verdade é que me sorprendían as cifras que a oposición poñía enriba da mesa. Me sorprendían polo seguinte, porque nós presentabamos uns orzamentos onde os ingresos se igualaban aos gastos, é dicir era a mesma cifra tanto de gastos como de ingresos, porque estamos diante dun presuposto equilibrado”. Fuente Parga dixo: “falando da execución do presuposto do ano anterior, do 2016, nos dicían que segundo os datos que eles tiñan ingresamos moito menos do que tiñamos posto no presuposto e que gastamos tamén moito máis. E iso calquera neno ou calquera persoa pode entender que si resulta que cando partíamos dun presuposto igualado entre ingresos e gastos e agora nos están a dicir que cobramos menos e gastamos máis… o que ten que ocorrer en calquera economía, e iso o sabe calquera, se non ingresas o que tiñas previsto ingresar e gastas máis do que tiñas previsto gastar ten que haber impagos, ten que haber empresas e provedores do Concello sen cobrar e iso non pasa. E como non pasa, está claro que xa desvirtúa todo ese tipo de datos”.
O alcalde tamén se referiu ao imposto de construcións: “cando nos estaban a dicir que non tiñamos recadado polo imposto de construcións mais que 16.000 euros, iso é mentira porque se recadou moito máis, pero tamén hai que descontar a parte que houbo que devolver a aqueles construtores que pediron a devolución dese imposto por non levar a cabo a execución da obra. Polo tanto esas cifras hai que saber lelas en canto a que si se recadou, pero houbo que devolver algunhas cantidades”.
Fuente Parga sinalou que “tamén nos dixeron que gastamos mais en persoal do que se tiña presupostado. Evidentemente no presuposto non se contempla aquel gasto que vai vir vinculado a unha subvención e que despois tamén vai entrar esa subvención incrementando o ingreso. E falo por exemplo dos 20 socorristas que se contratan durante o verán, que veñen subvencionados pola Xunta de Galicia. Nin se contempla o gasto á hora de facer o presuposto ao iniciar o exercicio nin tampouco se contempla o ingreso por outro lado. Moitos dos gastos que se incrementan van vinculados a subvencións que despois incrementan tamén o capítulo de ingresos. Polo tanto nos sorprendían estas cousas, que nos plantexaban do pleno do pasado luns”.
O rexedor barreirense subliñou que “é certo que incorporamos un recoñecemento extraxudicial de crédito en 2016 por importe de 330.000 euros e neste 2017 levamos un de 200.000 euros. Quero dicir que no presuposto puidemos rebaixar ese recoñecemento extraxudicial de crédito en 130.000 euros. E as facturas páganse e nese sentido a situación económica do Concello é boa, é unha situación que non ten ningún problema”.
Para Alfonso Fuente “tamén se quere facer ver que todos os servizos do Concello se privatizan dicindo que dotamos unha partida no presuposto de 500.000 euros. Esa partida é para empresas que xa veñen prestando servizos no Concello hai moitos anos, que son a empresa que fai a recollida do lixo, está Sogama, que é a que xestiona esa recollida… son esas empresas que ano tras ano están prestando servizos para o Concello. E dicir que o Concello de Barreiros privatiza servizos, que veña deus e o vexa. É o único que non ten privatizado o servizo na gardería, non ten privatizado o servizo de augas, non ten privatizado o servizo de axuda a domicilio. Que o BNG diga que Barreiros privatiza servizos, cando Concellos nos que goberna o BNG teñen todos os servizos privatizados, é un pouco atrevido”. E engadiu: “agora que puntualmente se fagan traballos con empresas privadas, pois evidentemente e sobre todo neste 2016 cando tivemos unha serie de persoas que estiveron de baixa, a verdade é que tivemos que tirar da empresa privada para facer algúns traballos e seguir prestando algúns servizos, iso sen dúbida”.