Teléfono: 982124002
E-mail: info@concellodebarreiros.gal
A día de hoxe toda a atención sanitaria recae sobre una única facultativa, que atende a carteira de tres profesionais, persoas desprazadas e domicilios.
A falta de tempo para unha correcta atención afecta a tramitacións sociosanitarias, como os expedientes de dependencia.
Barreiros, 12 de setembro de 2022. A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, vén de dirixirse novamente ao conselleiro de sanidade para poñer no seu coñecemento a situación que se está a vivir no centro de saúde da localidade; onde a día de hoxe só hai unha médica para a atención sanitaria.
Esta situación, que se reproduce tras un verán no que a presión asistencial no centro de saúde foi moi elevada ao non existir reforzo de persoal, supón que a atención que a profesional pode prestar sexa escasa en tempo e chega mesmo a afectar a trámites básicos, como a emisión de informes de saúde para a tramitación municipal de expedientes de servizos sociais, como dependencia ou servizo de axuda no fogar.”
Ana Ermida explicou que “é lóxico que unha soa persoa non poida atender coa calidade que merece a 3000 persoas, máis a xente desprazada que segue habendo, saíndo a domicilios e a urxencias. Por iso, esta falta de persoal non fai máis que abondar nunha constante presión sobre os profesionais que cada vez ven como teñen menos tempo para as consultas e teñen que atender pacientes que precisan dun estudo da historia clínica para o que tampouco teñen tempo.”
Neste sentido, a rexedora comunicoulle ao máximo dirixente da sanidade galega que “a falla de persoal no SERGAS non só afecta á poboación que precise atención sanitaria, senón que está afectando e retrasando outro tipo de atencións sociais que, en moitos casos, son urxentes e imprescindibles.”
Por todo isto trasladoulle a preocupación e o malestar existente coa xestión que se está a realizar dos centros de saúde -reducindo a atención e degradando a existente- que desembocará, de non solucionalo, en graves problemas sociais.
Desde o Concello de Barreiros xa se teñen dirixido en numerosas ocasións á consellería de sanidade para que dote do persoal necesario o centro de saúde para garantir unha atención sanitaria digna.