Teléfono: 982124002
E-mail: info@concellodebarreiros.gal
Este domingo, 25 de maio, ás 19:00 h, o Centro Sociocultural de San Cosme de Barreiros acollerá a representación de Profetas, unha coprodución do Centro Dramático Galego e Ítaca Teatro.
Escrita por Ernesto Is, gañador do XVI Premio Abrente de textos teatrais da MIT de Ribadavia en 2021, a obra está dirixida por Carlos Álvarez-Ossorio e protagonizada por Elea López e Carlos Rebolo.
A obra presenta a El e a Ela, unha parella que, despois de romper a súa relación, volven a atoparse para recordar ao longo dunha noite os vellos tempos. Neste encontro lembran os soños, os medos, os éxitos e os fracasos que compartiron, facendo balance da súa historia en común a través doutras historias do cinema e da literatura. Cuestións como o compromiso político e artístico, o amor e a creación están presentes nunha peza que funciona como un xogo de agochados, de abismos e de saltos entre realidade e ficción.
A montaxe mestura diferentes linguaxes escénicas e afonda no carácter híbrido do texto, combinando o traballo da interpretación co vídeo en directo, a utilización de máscaras e mais o movemento.
A entrada é libre ata completar aforo.