Teléfono: 982124002
E-mail: info@concellodebarreiros.gal
A ordenanza reguladora do uso das Praias do Concello de Barreiros, cuxa última modificación foi aprobada polo Pleno da Corporación en sesión ordinaria de data 27/11/2017, e publicada no BOP de Lugo nº 289 de 19 de decembro de 2017, establece no seu artigo 15. 1, a prohibición, con carácter xeral, de acceso de animais domésticos ás augas e zonas de baño, así como á praia e zonas sinaladas, coa salvidade de aquelas zonas que o concello poida delimitar por Resolución da alcaldía.
Non obstante, e pese a que dende aquela data habilitouse o areal de Punta Corveira (situado entre as Praias de Lóngara e A Pasada) como praia con acceso permitido para cans, non chegou a ditarse a resolución que así o acordase.
Por outra banda, este areal, tanto polas súas pequenas dimensións como por desaparecer en marea alta e supoñer, case, unha prolongación da praia de Lóngara en marea baixa, non foi obxecto das obras de acondicionamento levadas a cabo na meirande parte das praias de Barreiros, polo que o acceso directo debe realizarse por un sendeiro natural formado a través das propias rochas do acantilado, que pode resultar dificultoso e incluso perigoso para persoas de idade avanzada ou con problemas de mobilidade. Para evitar o risco deste paso, xa na anterior tempada 2020, aceptouse o emprego da entrada lateral dereita á Praia de Lóngara para acceder a Punta Corveira, establecendo como delimitación entre a zona de paso autorizada e a Praia de Lóngara, na cal non están permitidos os animais, o denominado Regato de Sarxende. Considerando este feito e xa que Punta Corveira, tal e como se sinalou anteriormente, queda totalmente inutilizada en marea alta, é lóxico que ademais do acceso se permita o emprego desa zona polas persoas usuarias que vaian acompañadas de animais, especialmente tendo en conta a extensa superficie de areais cos que conta Barreiros. En consecuencia, a fin de normativizar esta situación, ao abeiro do artigo 15.1 da Ordenanza municipal reguladora de praias antes citada e en uso das facultades que me outorga o artigo 21 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime legal,
RESOLVO:
PRIMEIRO: Acordar a determinación da praia Punta Corveira como praia canina, habilitada durante 24 horas a totalidade de días do ano, incorporando a ela o acceso situado na parte dereita do Regato de Sarxende, que servirá como delimitación entre a zona autorizada para o acceso e estadía con animais e a Praia de Lóngara na que non está permitido o seu acceso, segundo se indica no plano seguinte:
SEGUNDO: O uso desta praia por animais de compañía quedará limitado unicamente aos cans, que poderán acceder de xeito libre, é dicir, sen correa, agás no caso dos cans potencialmente perigosos que se rexerán pola normativa autonómica e, en consecuencia, deberán ir provistos de correa e boceira. Non obstante, as persoas posuidoras dos cans serán responsables de adoptar as medidas necesarias para evitar molestias ou riscos ao resto de persoas usuarias, así como de impedir o acceso dos animais á Praia de Lóngara e, en xeral, de traspasar o Regato de Sarxende que cumpre a función de liña divisoria. Asemade, terán a obriga de recoller e depositar nos lugares habilitados polo Concello a estes efectos as deposicións que poidan realizar os animais na zona de praia.
TERCEIRO: Reiterar que, tal e como se establece a normativa de praias de Barreiros, o incumprimento dos preceptos incluídos no número anterior aparellará a obriga de abandonar o areal tanto a requirimento do persoal municipal como dos propios axentes da autoridade, sen prexuízo da interposición de denuncia e, de ser o caso, da incoación do correspondente expediente sancionador. Por outra banda, a non recollida das deposición dos animais está tipificada como infracción grave no citado regulamento.
CUARTO: Establecer que, en todo caso, os cans deberán estar ao día nas vacinacións obrigatorias e ir provistos da cartilla sanitaria obrigatoria segundo establece o Decreto 94/2008, de 30 de abril, polo que se establece o pasaporte e cartilla sanitaria para os cans, gatos e furóns na Comunidade Autónoma de Galicia.
Asinado dixitalmente na data que figura á marxe pola alcaldesa-presidenta do Concello de Barreiros, Ana Belén
Ermida Igrexas, ante a secretaria-inteventora, Begoña Teijeiro Campo.