Teléfono: 982124002
E-mail: info@concellodebarreiros.gal
O CONCELLO APROBOU EN PLENO A SOLICITUDE DUNHA SUBVENCIÓN Á XUNTA POR IMPORTE DE 475.000 EUROS PARA O PLAN DE MANTEMENTO DOS SERVIZOS SOCIAIS. E TAMÉN A MODIFICACIÓN DE VARIAS ORDENANZAS. FUENTE PARGA SUBLIÑA O DESCENSO QUE SE APLICARÁ ÁS TAXAS DE APERTURA OU INICIO DE ACTIVIDADE CO OBXECTIVO DE FAVORECER A IMPLANTACIÓN DE EMPRESAS NO POLÍGONO INDUSTRIAL.
Aprobada no pleno celebrado na tarde de onte a solicitude de subvención á Xunta para o plan concertado de mantemento dos servizos sociais por un importe de 475.000 euros. Na sesión tamén se acordou modificar varias ordenanzas. O alcalde, Alfonso Fuente, subliñou o descenso que se aplicará ás taxas de apertura ou inicio de actividade co obxectivo de favorecer a implantación de empresas no polígono industrial.
O rexedor explicou que “neste pleno levábamos a solicitude de subvención do plan concertado á Xunta de Galicia por un importe de 475.000 euros. Esta é a solicitude que se fai todos os anos para o mantemento dos servizos sociais tanto de dependencia como de prestación básica e para outros proxectos, ademais de para gasto de persoal. Aprobouse por unanimidade”.
Fuente Parga contou que “se levaba tamén un recoñecemento extraxudicial de créditos de dúas facturas que non se tiñan recibido no Concello e que as reclamaba a empresa Aqualia por un importe en torno a 19.000 euros. Polo sistema telemático non se recibiran no Concello e a Aqualia constáballe que as tiñan enviado. Como son facturas do ano 2016 levábanse a ese recoñecemento extraxudicial de crédito”.
O alcalde barreirense subliñou que “se levaban a esta sesión plenaria varias ordenanzas para adaptalas á declaración responsable ou á comunicación previa que hai que facer tanto para obras menores como para actividades. Tamén se modifican esas ordenanzas porque agora van por auto liquidación no momento en que as presenta o administrado. Para axilizar todos os trámites administrativos dado que o Concello vai ter, no caso de obras menores, dez días para resolver esas licencias, axilizar todo o que é a actividade administrativa do Concello e dos administrados. Aproveitamos a ocasión para baixar as taxas de apertura ou de inicio de actividade. Entendemos que cando se modificaron estaban un pouco altas e facémolo tamén para fomentar esa implantación de novas empresas no noso polígono. Como a Xunta de Galicia rebaixaba o prezo do solo no parque empresarial de Barreiros, nós tamén queremos incentivar esa actividade económica no polígono rebaixando a taxa de actividades económicas”.
Turbidez da auga
Respecto á situación da auga da traída o alcalde de Barreiros manifestou que “vemos que estes días motivado polas choivas, a auga saía turbia nalgunhas zonas do municipio. Xa ten pasado noutras ocasións e esperemos que cando se remate a obra da nova depuradora, non pase”.
Alfonso Fuente salientou que “se lles explicou no pleno que poderíamos evitar esta turbidez na auga, sempre tendo en conta que a auga é potable, é apta para o consumo, aínda que se vexa esa turbidez. Poderíamos ter un auga completamente cristalina se utilizaramos nas depuradoras o que se chaman floculantes. Se utilizamos estes floculantes veremos un auga totalmente cristalina, pero será un auga que leva un produto engadido nese contido da auga. Un engadido que está permitido por Saúde Pública, pero evidentemente tamén entendemos que pode consumirse perfectamente sen produtos engadidos, simplemente por unha cuestión visual como é esa turbidez. Isto xa pasou, foi eses días de auga, e xa volve ser cristalina. Xa digo que sempre o facemos para evitar cargar a auga de produtos químicos que eliminarían a turbidez, pero evidentemente eses produtos quedarían na auga, e aínda estando permitidos preferimos que non os leven”.