Teléfono: 982124002
E-mail: info@concellodebarreiros.gal
FUENTE PARGA ASEGURA QUE FALARON CON TODOS OS VECIÑOS E QUE TIVERON EN CONTA AS SÚAS ADVERTENCIAS.
En San Xunto, no barrio do Morteiro, continúan as obras de limpeza das cunetas e para dar solución a un problema ocasionado por unha baixante de augas que ía cara unhas casas. O alcalde, Alfonso Fuente, asegura que os traballos non se paralizaron e que onte o que fixeron foi escoitar as advertencias dalgúns veciños de Val do Caínzo e Ibia. Ademais criticou a actitude da oposición da que di que “o que quere é sacar rédito político”.
O rexedor declarou: “no Morteiro estamos a realizar unha labor de limpeza de cunetas e precisamente solucionando un problema de augas que ían cara unhas casas, e onte á mañá personábanse alí uns veciños para advertir dunha transversal que había e da posibilidade de que ao estar limpando as cunetas a auga fose cara as súas casas. Atendéronse as indicacións dos veciños e á media mañá, de onte, estiven alí e deixamos todo solucionado”.
Para Fuente Parga “dicir que as obras están paralizadas é moi arriscado cando hoxe as máquinas e os tractores están alí hoxe traballando. O que intentamos é solucionar un problema ocasionado hai tempo por unha baixante de augas que veñen do monte e que nalgún momento cando chovía moito se metían nas casas. Un domingo que choveu moito, me chamaron os veciños, me acerquei ata alí e estivemos vendo toda esta situación”.
Sobre a presenza de membros da oposición nesas obras o alcalde barreirense dixo que “cando xorden cousas destas a oposición parece que o quere é sacar rédito electoral, indo a criticar, indo a ver… parece ser que houbo unha procesión de membros da oposición pola obra. Iso é o que pasa cando un Concello fai unha obra, despois de falar cos veciños para ver como se pode solucionar. Os que se achegaron alí eran doutros núcleos como Val do Caínzo e Ibia e as actuacións se están a realizar no Morteiro atendendo ás indicacións de todo o mundo e vendo como se podía solucionar estamos a traballar e vai quedar solucionado o problema”.
Alfonso Fuente considera que “os veciños o que están a ver é que aparecen enxeñeiros da oposición por todos os lados. Os membros da oposición que viñeron alí parecen os salvadores da patria, nós vamos alí falamos con todos os veciños e dámoslle unha solución ao problema. Non se paralizou ningunha obra, estamos a actuar no Morteiro sen máis e sen problema. Imos facer todo o que sexa necesario porque eu o que non quero é que ningún veciño me poida dicir que se lle meteu a auga na casa, pero nin a uns nin a outros. Nós damos solucións aos problemas da mellor forma posible e sempre sen prexudicar a ninguén”.
O alcalde de Barreiros explicou que “este problema xorde desde o momento no que hai o propietario dunha finca, que era a que asumía esa auga, ese propietario tiña un caneiro de auga pola súa finca e agora di que non o quere. Nós podemos entender que os tempos cambiaron, que a maquinaria que se emprega nas fincas require que non estean con moito rego, porque senón as máquinas se enterran. Hai uns anos era todo o contrario, todo o mundo quería que a auga fose polo seu prado para regalo. Nós atendendo a eses cambios o que facemos é tomar solucións para levar a auga polas cunetas e dirixila cara os regos, sen prexudicar a ninguén. As cousas se falan, os veciños que viñeron alí advertiron desa transversal, buscamos outra solución que se executará sen ningún problema”.
Enlace o audio do alcalde, Alfonso Fuente.