Teléfono: 982124002
E-mail: info@concellodebarreiros.gal
O CONCELLO DE BARREIROS FACILITA A CONCILIACIÓN FAMILIAR COA CREACIÓN DUN NOVO PROGRAMA PARA ESTA SEMANA SANTA
A concellería de igualdade do Concello de Barreiros pon en marcha un novo programa de axuda á conciliación en época de vacacións escolares financiado a través da subvención de igualdade da Xunta de Galicia na liña de conciliación.
Así, preséntase o programa +CONCILIA MARZO que favorece a conciliación familiar para esta Semana Santa con actividades para os días 25, 26, 27 de marzo e 1 de abril de 2024 en horario de 9:30 a 13:30 horas.
Esta actividade está destinada a crianzas nadas do 01/01/2012 ao 31/12/2020 e será totalmente GRATUÍTA para as familias.
Desenvolverase no CEIP de San Cosme de Barreiros, aínda que de forma puntual e atendendo ao requirimento das actividades programadas farase uso doutros espazos ou instalacións próximas no termo municipal.
As inscricións formalizaranse nas oficinas do Concello desde o 6 ata o 13 de marzo (ambos inclusive) en horario de 9:30 h. a 14:00 h.
BASES REGULADORAS +CONCILIA MARZO
PROGRAMA +CONCILIA BARREIROS
Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación.
As presentes bases teñen por obxecto regular o proceso de selección para a participación nas actividades de conciliación das vacacións de Semana Santa, favorecendo a conciliación familiar na época de períodos non lectivos.
Artigo 2. Persoas destinatarias.
As actividades están dirixida a crianzas nadas do 01/01/2012 ao 31/12/2020.
Artigo 3. Datas de celebración e localización das actividades.
+Concilia marzo desenvolverase nos días laborais comprendidos entre o 25 de marzo e o 1 de abril (ambos incluídos).
As actividades serán no CEIP San Cosme de Barreiros, aínda que de forma puntual e atendendo ao requirimento das actividades programadas farase uso doutros espazos ou instalacións próximas no termo municipal (comunicándoo ás familias coa suficiente antelación e coa ubicación exacta).
Artigo 4. Horario.
O horario será de 9:30h. a 13:30 h., nos días laborais do período sinalado anteriormente (25, 26 e 27 de marzo e 1 de abril).
Para aquelas familias que por motivo exclusivo de conciliación precisen traer aos/ás seus/súas fillos/as antes do comezo do campamento, amplíase o horario de entrada de 9:00 a 9:30, neste tempo as crianzas serán custodiadas e vixiadas pero non terán actividades programadas.
Artigo 5. Prazas ofertadas.
Ofértase un total de 35 prazas.
Aínda que queden prazas libres non se admitirán novas incorporacións á actividade unha vez iniciada a mesma.
Artigo 6. Taxa.
Esta actividade está libre de taxas, sendo gratuíta.
Artigo 7. Perfil e criterios de selección das persoas destinatarias.
7.1. Para a selección dos participantes terase en conta o nivel de renda familiar, as cargas familiares das persoas solicitantes, as mulleres solicitantes vítimas de violencia de xénero en todas as súas manifestacións, as familias monoparentais e monomarentais, a situación laboral dos proxenitores que se atopen a cargo da crianza e o empadroamento do/da participante.
Se na actividade hai máis solicitudes que prazas dispoñibles, establecerase o seguinte baremo paraa selección das persoas destinatarias:
Empadroado no Concello de Barreiros, a data anterior ao 01 de xaneiro do 2024: 30 puntos
Algún dos proxenitores da crianza non censada que traballa nunha empresa con sede fiscal no Concello de Barreiros ou crianza que asiste a un CEIP da localidade (CEIP San Cosme de Barreiros ou CEIP San Miguel de Reinante): 10 puntos
Traballan os dous/dúas proxenitores/ras ou titores/as legais: 9 puntos.
Traballa un/unha só/soa dos/das proxenitores/ras ou titores legais: 8 puntos.
Familias monomarentais e monoparentais: 7 puntos
Nai ou titora legal solicitante vítima de violencia de xénero: 6 puntos
Nivel de renda, atendendo aos seguintes rangos. Máximo 5 puntos.
Renda anual neta per cápita igual ou inferior a 7.000. 5 puntos
Renda anual neta per cápita 7.000,01 a 8.000 €. 4 puntos
Renda anual neta per cápita 8.000,01 a 9.000 €. 3 puntos
Renda anual neta per cápita superior a 9.000€. 2 puntos
Familias con título de familia numerosa: 1 punto
Nos casos de empates, estes resolveranse por orde de rexistro de entrada da solicitude.
7.2. Para os efectos de baremación, a renda familiar anual neta per cápita obterase da agregación das rendas do ano 2022, de cada un dos membros da unidade familiar, calculadas así:
- Primeiro: sumarase a base impoñible xeral coa base impoñible do aforro, excluíndose os saldos netos negativos de ganancias e perdas patrimoniais correspondentes aos exercicios anteriores.
- Segundo: deste resultado restarase a cota líquida resultante da autoliquidación.
- Terceiro: o importe obtido dividirase entre o número de membros que compoñen a unidade familiar.
Este cálculo efectuarase coa seguinte fórmula: casilla 435 + casilla 460 – casilla 595. O total desta operación, será dividido polo número de membros da unidade familiar.
Artigo 8. Presentación de documentación.
As persoas interesadas deberán achegar a solicitude de admisión, que será a declaración responsable sobre a documentación e situacións familiares tidas en conta no baremo (Anexo I). Non se admitirá ningunha solicitude presentada nun modelo diferente ao oficial facilitado pola entidade organizadora (Concello de Barreiros).
A información que non estea cuberta na propia solicitude non se terá en conta para o baremo, valorándose ese aspecto con 0 puntos.
O Concello de Barreiros poderá requirir aleatoriamente a documentación acreditativa manifestada na declaración responsable coa finalidade de comprobar os datos, así mesmo poderá facer as comprobacións oportunas no caso de presentar alegacións e/ou reclamacións por parte doutra ou outras unidades familiares.
No caso de detectarse algunha falsidade na declaración presentada, a crianza quedará automaticamente excluída das actividades +Concilia Marzo organizadas polo Concello de Barreiros.
Artigo 9. Trámites e prazos.
Todos os trámites realizaranse nas oficinas municipais, de 9:30 h. a 14:00 h., ou a través da sede electrónica do Concello de Barreiros ata ás 14:00 h. do último día do prazo correspondente. Os prazos son os seguintes:
▪ Solicitude: Dende a publicación destas bases ata o 13 de marzo.
▪ Publicación da lista provisional de admitidos/as en cada quenda: 18 de marzo.
▪ Reclamacións: 19 e 20 de marzo.
▪ Publicación da lista definitiva de admitidos/as: 21 de marzo.
Entenderase a inscrición realizada coa documentación aportada, non será preciso ningún trámite posterior á publicación da lista definitiva.
- Listaxe de admisións +concilia marzo 2024
- Bases reguladoras do programa +Concilia marzo 2024
- Anexo I. Solicitude para o programa +concilia marzo 2024