Teléfono: 982124002
E-mail: info@concellodebarreiros.gal
A actuación realízase ao abeiro dun convenio coa área de Medio Ambiente da Deputación
Barreiros, 5 de xullo de 2023. A Xunta de Goberno do Concello de Barreiros vén de adxudicar a sinalización das bocas de incendios existentes no municipio, así como a instalación de tres novos puntos de recarga de vehículos contra incendios situados na zona interior do concello.
Este investimento, que ascende a 10.863,85 euros, que se financian integramente ao abeiro dun convenio subscrito entre o municipio barreirense e a Deputación Provincial.
A alcaldesa, Ana Ermida, explicou que “esta actuación responde á necesidade de axilizar e facilitar as posibles actuacións de extinción de incendios que poidan darse no municipio, facilitando así o traballo dos servizos de extinción de incendios, tal e como se nos trasladou desde os propios servizos.”
O Concello de Barreiros procedeu a identificar, en colaboración co persoal do parque de Bombeiros, un total de 24 bocas de incendios existentes que serán sinalizadas coa colocación de sinais verticais reflectantes con indicación do diámetro das bocas. Ademais deste traballo, a actuación contempla a colocación de tres novas bocas en Vilamar, San Xusto e A Rilleira, dando cobertura á zona interior do concello; onde actualmente non existe ningún punto adaptado para a carga deste tipo de vehículos.
Con estas actuacións, Barreiros contaría cunha rede de puntos de carga de vehículos contra incendios que permitiría a realización das labores de extinción dun xeito máis áxil e eficaz, ao reducir os tempos de desprazamento e de realización da propia carga, ao colocarse en lugares onde a rede de abastecemento conta con capacidade suficiente para unha carga rápida.