Teléfono: 982124002
E-mail: info@concellodebarreiros.gal
A media anual do período de pago do Concello de Barreiros sitúase nos 27 días, colocándose nos tres primeiros trimestres arredor dos 20 días.
Barreiros, 16 de febreiro de 2022. O Concello de Barreiros vén de aprobar a liquidación do orzamento do 2021, na que se constata o cambio de xestión económica que se produciu desde a chegada do novo goberno municipal a mediados do 2019.
A alcaldesa, encargada de aprobar por resolución documento económico elaborado polos servizos municipais do que dará conta no vindeiro pleno, explica que “o máis importante que se visibiliza nesta liquidación do orzamento do ano pasado é que, por primeira vez desde que existe constancia do dato a partir do ano 2013, as empresas e persoas autónomas que traballan para o concello cobran nos prazos establecidos pola normativa.”
A lei establece que os provedores deben cobrar nun máximo de 30 días desde a presentación das facturas e o Concello de Barreiros sitúase nunha media anual de 27 días. “O dato non é menor, porque non só amosa o control económico que se realiza, senón que dá seguridade ás empresas e persoas autónomas que operan con este Concello e permite certa tranquilidade, especialmente en épocas tan complexas como as que se están a vivir”, explica Ana Ermida.
A alcaldesa manifesta a satisfacción polo resultado acadado, porque “pese a todas as dificultades coas que nos atopamos e ao estrito control que require, demóstrase que é posible facer unha boa xestión dos cartos públicos e que iso redunde no beneficio xeral.”
Ademais, a liquidación tamén amosa outro dato relevante, a obtención dun resultado orzamentario axustado positivo, que non se producía neste Concello desde o ano 2017. Este dato supón que os ingresos correntes obtidos no 2021 foron suficientes para financiar as obrigas dese exercicio.