Teléfono: 982124002
E-mail: info@concellodebarreiros.gal
Nos case 5,3 millóns de euros de orzamento que manexará o Concello de Barreiros, o goberno municipal prevé a adquisición dos terreos para a instalación da EDAR.
O Goberno de Barreiros vén de aprobar no pleno do pasado luns sen votos en contra o maior orzamento municipal da súa historia por importe de 5.299.343,99€.
Entre os investimentos aprobados, a rexedora destacou os destinados á adquisición dos terreos para a construción da nova EDAR en San Miguel, “non polo importe, senón polo simbolismo de poñer a primeira pedra para facer realidade tan demandada e necesaria infraestrutura”. Ana Ermida defendeu que o feito de contemplar este investimento nos orzamentos demostra que os goberno municipal está a poñer todo da súa parte para acadar o obxectivo final no que levan traballando o primeiro día e no que continuarán demandando a implicación do resto de Administracións.
Neste sentido, a alcaldesa informou que xa ten solicitada desde o mes de xullo unha reunión coa nova conselleira de Medio Ambiente para tratar esta cuestión, estando á espera de resposta á mesma.
Entre os investimentos previstos priorízanse os relativos á rede viaria cun importe de máis de 550.000 euros; a equipamentos públicos, como colectores de lixo ou alumeado público, cun investimento de máis de 104.000 euros ou os relativos ás redes de saneamento e abastecemento de auga, con máis de 63.000€ de investimentos novos, aos que deben sumarse os 668.500€ incluídos para mantemento e subministro destes servizos.
Ermida cualificou estes orzamentos como “realistas e axustados ás necesidades dun municipio de 3000 habitantes que está asumindo o dimensionamento duns servizos que deberían estar feitos antes de promocionar un modelo de crecemento habitacional que non se corresponde coa capacidade do mesmo.”
O financiamento municipal, debate necesario e urxente.
A rexedora introduciu tamén a necesidade de “abordar con seriedade o modelo de financiamento municipal no seu conxunto e, especialmente, dos municipios galegos, que levan anos soportando unha posición de infrafinanciación na participación nos tributos do Estado o que sitúa á Administración Local Galega no seu conxunto como grande prexudicada con respecto a outros territorios.” Tamén recalcou a necesidade de “camiñar cara a un reparto de fondos entre administracións adecuadas ás competencias reais na prestación de servizos e ás necesidades sociais, xa que a dependencia dos concellos de recursos achegados desde outras administracións constrinxe de tal xeito que a falta de instrumentos financeiros equitativos e non arbitrarios por parte das administración supramunicipais, cunha estrutura metodolóxica na asignación de fondos que permitan aos concellos rurais maior flexibilidade e manexabilidade dos seus recursos, para maior liberdade e autonomía na xestión dos mesmos, provoca de facto a redución drástica de posta en marcha de proxectos ou políticas propias. Neste sentido, a participación nos impostos recadados por outras Administracións (autonómica ou estatal) debe realizarse por medio de instrumentos áxiles, que descarguen aos Concellos de burocracia innecesaria e que aseguren o coñecemento previo das cantidades obxectivas coas que conta cada administración local. Así, o Fondo de Cooperación Local debería reforzarse e converterse no instrumento de financiación preferente por parte da Administración Galega aos Concellos, eliminando outros instrumentos que debilitan os principios de igualdade e obxectividade que deben rexer o reparto de fondos públicos entre Administracións.”