Teléfono: 982124002
E-mail: info@concellodebarreiros.gal
Barreiros, 5 de agosto de 2022. O Concello de Barreiros vén de licitar obras correspondentes ao Plan Único da Deputación e ao Plan Marco de Camiños da AGADER en viarios municipais que suman preto de 10 kms. O importe total das obras licitadas supera os 270.000 euros, que se prevén executar unha vez finalizado o verán.
As actuacións a levar a cabo desenvolveranse en todas as parroquias e incluirán, dependendo do tipo e estado do viario, traballos en aglomerado, rego asfáltico ou rebacheo. Unha das actuacións máis importantes é o arranxo con aglomerado en quente dos máis de dous quilómetros que dan acceso ao Val do Caínzo desde San Xusto; así como a pista principal de Vilar, en San Cosme.
Ademais destas actuacións, tamén se contemplan traballos en Reinante, San Miguel, Benquerencia, Celeiro ou Vilamartín Pequeno; así como outros menores en San Xusto e San Cosme.
O concelleiro de obras e tenente da alcaldesa, Antonio Veiga, explicou que con estas actuacións, o Concello de Barreiros suma o arranxo de preto de 50kms de pistas municipais nos tres últimos anosaos que hai que engadir os arredor de 10 kms arranxados pola deputación en vias provinciais do termo municipal.
A licitación destas obras foi complexa, debido á inestabilidade de prezos e á importante suba do material nos últimos meses, o que ten complicado a execución de obras especialmente nas administracións locais, moito máis vulnerables a esta situación debido á menor marxe de maniobra nos seus orzamentos.
Segundo as previsións do goberno municipal, sempre que o procedemento administrativo o permita, as obras iniciarán a súa execución neste mesmo ano.